sábado, 27 de outubro de 2018

MENÚS SAUDABLES POLOS RAPACES E RAPAZAS DE 6º A

Na aula de 6º A, rapazas e rapaces tiveron que preparar un menú saudable para un día tendo en conta que se recomenda realizar cinco comidas ao día.

Nas clases de Ciencias Naturais estamos a tratar o tema da alimentación e a importancia de ter unha dieta equilibrada na que incorporemos todos os nutrientes necesarios para conseguir enerxía e manternos sans: froitas e verduras, evitar consumo de graxas saturadas, peixes e carnes...

Tendo en conta todos estes aspectos, de xeito individual elaboraron o seu menú e agora témolo exposto na nosa aula. 


luns, 22 de outubro de 2018

DÍA DA ALIMENTACIÓN! 16 de OUTUBRO 2018.

Non houbo mellor maneira de dar comezo ás entradas deste curso no noso blogue do proxecta Aliménta-t Ben que a Andaina que nos marcamos os alumnos, alumnas e mestres de 6º de Primaria no Día Mundial da Alimentación (16 de outubro)

O martes pola mañá os rapaces e rapazas de 6º e máis os seus mestres Ismael, Ángeles, Naza e Cris, puxemos rumbo á III Andaina do Camiño de Inverno, organizada pola Asociación de Amigos do Camiño de Santiago pola Ribeira Sacra.

O percorrido tivo unha lonxitude de 5, 5 km aproximadamente, nas que existiu certa dificultade polas pendentes de subida e baixada e polos tramos de terreos de barro que nos fomos atopando, que os nosos rapaces e rapazas foron sorteando con éxito.

Partimos da igrexa de San Paio de Diomondi, na zona de O Saviñao e rematamos en San Pedro de Líncora (Chantada). Paramos a facer un descanso na Adega "Vía Romana", onde tomamos un tentempé: auga, mazá e chocolatina. 

O tramo realizado correspóndese coa etapa de Monforte de Lemos a Chantada.

Ademáis das fotos que presentamos a continuación, quedarán no noso recordo e deixarán pegadas, as fermosas paisaxes vistas, o valor do esforzo, a importancia do deporte e a boa alimentación que inflúe no noso rendemento, as risas cos amigos, a axuda nas dificultades, ó compartir experiencias con coñecidos e descoñecidos, a confianza nas nosas posibilidades " se queres, podes", os olores, sons e cores da natureza...

GRAZAS A TODAS E TODOS POLO VOSO ESFORZO!!!