mércores, 18 de marzo de 2020

Excursión de 4º de primaria á fábrica de galletas mariñeiras Daveiga

O día 11 de marzo fomos de excursión os nenos e nenas de 4º de primaria a Chantada. Alí o primeiro que visitamos foi a fábrica de galletas mariñeiras Daveiga. Visita relacionada co proxecto "Aliméntate ben" que desenvolve o cole, durante este curso.

A continuación, xantamos na área recreativa de Sangoñedo.

E por último, á volta visitamos o encoro de Belesar.


mércores, 11 de marzo de 2020

O sabor da aventura está no mar

O cole leva a cabo o proxecto "Aliméntate ben" durante este curso. 
Por iso, os alumnos e alumnas de primeiro a cuarto de primaria desfrutamos da actividade "O sabor da aventura está no mar".

Aprendemos moitas cousas sobre os animais mariños dunha forma moi divertida e de todo o que nos poden aportar na nosa alimentación.


E despois xogamos a un xogo no que puidemos poñer en práctica todo o que aprendemos.


mércores, 26 de febreiro de 2020

Galletas da PAZ

Os nenos e nenas de 4º de Primaria fixemos galletas para celebrar o día da PAZ. 
Primeiro amasámolas, démoslle forma e enfornámolas, todo coa axuda da nosa cociñeira Berta.
Despois decorámolas e quedáronnos moi bonitas.
O día da PAZ démoslles as nosas galletas a todo o alumnado e ao persoal do cole.
Estaban boísimas!!!


Aniversarios saudables do primeiro trimestre

Os nenos e nenas de 1º e 2º de primaria celebramos cunha merenda moi saudable, o aniversario dos nosos compañeiros e compañeiras que cumpriran anos no primeiro trimestre.
Nesta ocasión quixemos unir dous proxectos que se levan a cabo no cole este curso escolar. Por un lado, o proxecto "Aliméntate ben" e por outro lado o proxecto "Meteoescolas".
Como o fixemos? Moi sinxelo. 
Con froitas fixemos uns ricos pinchos e con estes un fermoso Arco da Vella. 

Quedounos xenial e o mais importante... estaban riquísimos!!

PARABÉNS COMPAÑEIROS E COMPAÑEIRA!!


mércores, 30 de outubro de 2019

Merenda terrorífica

Hoxe celebramos no cole o Samaín e por iso, os nenos e nenas de 1º e 2º de primaria fixemos unha merenda terrorífica.
Esta merenda foi suuuuper saudable, xa que estaba feita de froita, aínda que tiña un pequeno toque de....... CHOCOLATE!!!!

Fixemos pinchos de kiwi, nubes e uvas, unha cabaza con mandarina e uva e unha pantasma de plátano.

 Con esta super merenda pechamos un día de Samaín xenial!!! 

martes, 25 de xuño de 2019

O SABOR DA AVENTURA ESTÁ NO MAR

Na última semana de escola, recibimos no centro a visita dos organizadores do Obradoiro "O sabor da aventura está no mar" realizado en dúas sesións cos rapaces e rapazas de 1º e 2º e despois cos de 3º e 4º.

Durante este obradoiro, informouse e concienciouse sobre a importancia de respetar e ao mesmo tempo respetar os produtos do mar. Presentaron un video no que uns personaxes collían superpoderes en función do peixe favorito que consumían, fixeron dinámicas de xogo divertidas e ao final, rapaces e rapazas comprometéronse a comer peixe e marisco firmando un contrato cos organizadores.

Foi unha xornada diferente na que esperamos que o obxetivo principal se cumprira!





ANIVERSARIOS SAUDABLES ASHLEY, GORKA, ALMA, UXÍA, MAY E LEO

A mestra de 2º de E.Primaria, Cristina, máis os seus rapaces e rapazas, remataron o curso celebrando os aniversarios saudables de Ashley, Gorka, Alma, Uxía, May e Leo.

Para seguirnos a dar leccións de como festexar dunha maneira san e saudable, desta volta, prepararon unhas torradas de pan con tomate e aceite coa axuda de Sara e Cristina.

Mirade como podemos divertirnos e comer mellor sen ter que recurrir ás lambetadas...

PARABÉNS NENOS E NENAS!!!!

























xoves, 6 de xuño de 2019

XELATINA DE AMORODOS

No noso cole aproveitamos todo o que se pode, e xa que na pasada semana tivemos amorodos no reparto da froita fresca durante os tempos de lecer e tiñan moitas de sobra, dende a cociña prepararon unha deliciosa xelatina de amorodos que os nenos e mestres gozaron na hora da comida.

MOITAS GRAZAS!!!!



"REAL FOOD"

Na aula de apoio coa mestra Noemí, investigaron sobre alimentos saudables para a elaboración dun menú saudable diario no que se incluían as cinco comidas recomendadas. 

Na Internet fixeron unha búsqueda exhaustiva na que compararon os alimentos máis sans con aqueles de procedencia máis inaxeitada; observaron e valoraron as cantidades de aditivos que incluían; compararon prezos (obtendo que os máis caros ao fin eran os que máis insáns eran); fixeron un collage con catálogos de supermercado cos alimentos das cinco comidas principais e redactaron un menú coas súas recomendacións.

Como vedes unha actividade moi completa na que puxeron en marcha tódalas competencias: competencia dixital (búsqueda e uso das Tics), competencia lóxico matemática (traballo dos porcentaxes dos aditivos e manexo do diñeiro, equivalencias de medidas de peso...), competencia aprender a aprender, competencia lingüística (redacción do texto informativo) así como, aspectos relacionados con favorecer a autoestima, potenciar a autonomía, valores...

Velaquí vos deixamos fotos do proceso...

Grazas á profe Noemí e a súa alumna polo traballo!!


luns, 3 de xuño de 2019

ANIVERSARIO SAUDABLE 2º: ICÍA, HUGO E LAURA

E seguindo coa festa rachada, na aula de 2º volveron a celebrar os aniversarios dos nenos e nenas da clase facendo unha tarta. Neste caso empregaron sobaos e marmelada de cereixa.

Moitísimas Felicidades para Icía, Hugo e Laura!!


II SEMANA FROITA FRESCA NOS PATIOS

Segue a ser un éxito isto do reparto de froita durante os tempos de lecer!!
 Estamos encantados 😍😍😍😍😍😍



domingo, 26 de maio de 2019

SEMANA DA FROITA FRESCA

E por fin chega a semana de repartición de froita fresca durante os tempos de lecer. 🍎🍏🍐🍑🍒🍓

Salientar que estas xornadas teñen moito éxito no noso cole, os nenos e nenas están encantados con esta iniciativa e os membros da nosa comunidade educativa comprobamos que lles gustan as alternativas sans e saudables. 

Así que animamos ás familias a que lles envíen para os momentos de ocio pezas de froita segundo a tempada que corresponda. Terán a enerxía necesaria para crecer sans e felices.

Observade as fotos e comprobádoo por vós mesmos!!! Saudiños Gandareiros e Gandareiras!!!👋👋👋👋👋👋

sábado, 25 de maio de 2019

ILLAS DE FROITA: ANIVERSARIOS 1º


As rapazas e rapaces de 1º de E.P. seguen a amosarnos como un aniversario saudable é posible. Desta volta ademáis de san, a presentación dos alimentos foi do máis curiosa posible.

Empregando plátanos, mandarinas e kiwis, fixeron unhas fermosas e deliciosas obras de arte: ILLAS DE FROITA.

Non digades que non lles quedaron xenial!! Pasárono fantásticamente ben, non hai máis que mirarlle as cariñas de felicidade.

Grazas a súa mestra Merce
 por facelos celebrar a vida e os anos 
con froitas dun xeito moi saudable!



domingo, 19 de maio de 2019

OVOS DE FROITA

Hai xa unhas semanas, as rapazas e rapaces de 4º de Educación Primaria coa axuda da súa titora María, preparáronnos unha receita moi atractiva e cunha dificultade bastante elevada que lidiaron grazas a capacidade organizativa dalgúns nenos e nenas da clase.

Dado que se achegaba a época dos ovos de Pascua, decidiron preparar unha sobremesa para deleitar a todos os nenos e nenas do centro na hora do comedor. A ambiciosa receita levaba por nome: 
OVOS ARCO IRIS.

Os INGREDIENTES que necesitaron foron os seguintes (obviamente, coas súas habilidades matemáticas calcularon as cantidades necesarias para facer a sobremesa para todos os nenos e nenas do centro)
  • 800 ml xelatina arándanos
  • 800 ml xelatina amorodos
  • 800 ml xelatina ananás
  • 800 ml xelatina laranxa
  • 1 litro de mousse de xelatina
  • 650 g de amorodos
  • 650 g de arándanos.
  • 400 ml de zume de laranxa
  • 800 ml de leite 
  • 2,5 litros de auga
Pero non satisfeitos co seu reto, tamén decidiron ir eles mesmos a comprar ao supermercado. É dicir, unha actividade do máis completa. 

Para a ELABORACIÓN seguiron estes pasos:
  1. Gardar o zume de laranxa e litro e medio de auga na neveira.
  2. Preparar os batidos de amorodos e arándanos mesturando, coa batedora eléctrica, 400 ml de leite con 650 g de cada unha das froitas. Batemos, filtramos e gardamos na neveira.
  3. Unha vez que a auga estea moi fría, coa batedora eléctrica mesturamos a metade de mousse de xelatina con 1/2 litro desta auga.
  4. Coa axuda das xeringas, introducimos 6,5 ml de mousse en cada ovo e reservámolos na neveira.
  5. A continuación, fervemos 400 ml de auga que mesturaremos cun sobre de xelatina de piña. Remexemos coa culler ata disolvela completamente, engadímoslle 400 ml de auga ben fría e introducimos 10 ml desta en cada un dos ovos; rápidamente, introducimos de novo os ovos na neveira. Repetimos o proceso con cada un dos sabores restantes, pero, despois de mesturadas as xelatinas coa auga fervida, engadímoslle o de zume ben frío e os batidos correspondentes a cada sabor. Enchemos cada ovo con 10 ml de cada mestura e volvemos a gardalos na neveira cada vez que completamos unha capa de sabor.
  6. Repetimos os pasos 3 e 4 para encher completamente os ovos, que reservaremos na neveira ata o día seguinte.
  7. Recollemos e limpamos todo, todo, todiño. Ao día seguinte, desmoldamos!!
A tráves da realización desta complicada receita, traballaron unidades de medida de volumen, peso e o sistema monetario (xa que tiveron que manexar moedas e billetes ao pagar no supermercado); calcularon as cantidades correspondentes para 240 persoas (a receita citada era para 80); uso das tics para a búsqueda de páxinas web de supermercados para decidir onde era mellor mercar os ingredientes atendendo ao seu prezo e ofertas; calcularon o prezo da compra aproximando en grupos de 6 alumnos segundo a súa selección dos prezos dos ingredientes "CONSUMIDORES RESPONSABLES" 👀👀 ollando os prezos; saída ao entorno para mercar e vivenciar actividades da vida diaria; traballo en equipo tipo Master chef, cadaquén tiña o seu rol (xefe de cociña, cociñeiro, pinches)



Eles e elas mesmas foron os encargados da parte da fotografía para recoller os momentos máis salientables da actividade, foron REPORTEIROS GRÁFICOS.

Noraboa polo voso gran traballo, tedes que estar orgullosos e orgullosas do que conseguistes durante o camiño, o resultado non foi o tan fotoxénico como saía nas fotos da Internet, polo que comentou a vosa mestra o problema atopado foi que non respetastes o tempo de enfriar as diferentes capas por falta de tempo. Porén, de sabor a vosa receita estaba moi boa. 
Non se pode comer polos ollos, hai que probar! Demostrástelo vós!! GRAZASSSSS!!

Pero non contentos con este final, e aproveitando todo, fixeron xeado cos restos de froitas (arándanos e amorodos).🍨🍨🍨🍨👏👏👏


IOGUR NATURAL CON AMORODOS

Gloria, a mestra de 5º B propúxolles os seus alumnos e alumnas elaborar iogures naturais de xeito artesanal. En Ciencias Naturais están a traballar o tema das reaccións químicas, e que mellor xeito de entendelas e aprender, que observar o que pasa cos nosos propios ollos e manipulándoo nós mesmos. Na elaboración dos iogures prodúcese unha reacción chamada fermentación.

O IOGUR é un producto lácteo obtido mediante a fermentación bacteriana do leite. A fermentación da lactosa en ácido láctico é o que da ao iogur a súa textura e o sabor tan distintivo. 

A estes iogures elaborados polos rapaces engadíronlles amorodos en anacos. 

Como ingredientes empregaron: 
  • 1 iogur de amorodo
  • 1 litro de leite
Precisaron:
  • Iogurteira
  • Tarros de cristal
A elaboración foi moi sinxela, polo que vos animamos a realizala na casa coa axuda e supervisión dun adulto. 
  1. Poñemos un pouco de iogur de amorodo no fondo dos tarros de cristal.
  2. Botamos leite por encima ata encher o tarrros
  3. Introducimos os tarros de cristal na iogurteira e esperamos 8 horas.
  4. Quitámos os tarros da iogurteira, tapámolos coas súas tapas e deixamos enfriar na neveira.
  5. Engadimos amorodos en anacos.... e a COMER!!


Un éxito de aprendizaxe e un éxito de receita!!


mércores, 15 de maio de 2019

FROITOS VERMELLOS NO DÍA DA FAMILIA EN 2º

Para celebrar o Día da Familia, na aula de 2º de Primaria do noso cole, prepararon unha xornada para compartir momentos únicos e de seguro inesquecibles para os nenos e nenas e para os membros das familias que se achegaron a gozar do día.

Entre risas e actividades, non se esqueceron de "encher o bandullo", cunhas deliciosas tartas de froitos vermellos elaboradas polos propios nenos. Según contan foron moi sinxelas de preparar. Soamente se precisan: sobaos, macedonia de bote, marmelada e os ingredientes estrela, arándanos, framboesas e amorodos (de gominola).

Deixámosvos con fotos do día para que poidades valorar por vós mesmos como o pasaron...Non dubidamos que foi un día moi, moi especial.

GRAZAS NENOS E NENAS POR PREPARALO CON AGARIMO

GRAZAS FAMILIAS POR ACHEGARVOS A COMPARTIR CON NÓS PARTE DA XORNADA 
E 
GRAZAS A MESTRA CRISTINA POR FACELO POSIBLE!!!




martes, 7 de maio de 2019

PONLLE AS PILAS AO TEU BOCATA: 1º, 2º, 3º e 4º

O venres 3 de maio recibimos no noso cole a dous integrantes do obradoiro PONLLE AS PILAS AO TEU BOCATA.😋😋😋😋😋😋😋😋

A través deste obradoiro-actividade, preténdese concienciar ao alumnado da importancia dunha boa alimentación para adquirir a enerxía precisa para afrontar o día a día. 

Os rapaces e rapazas de 1º, 2º, 3º e 4º escoitaron a información sobre alimentación, gozaron con xogos coma quebracabezas de productos do mar ou ata realidade virtual...WOWWWWW!!! E despois de todo isto, realizaron uns bocatas saudables con diferentes ingredientes elixidos por eles mesmos (millo, leituga, sardiñas, atún, olivas, queixo...) que logo aproveitaron para merendar no tempo de ocio da mañá.

Unha actividade divertida e unha aposta pola alimentación saudable!
Velaquí o video da actividade!


luns, 6 de maio de 2019

AlmorzaBen Xuntos 5º A E 5º B

O venres 25 de abril, os rapaces e rapazas de 5º de Primaria compartiron un almorzo saudable na escola. A esta fantástica actividade que lles permitiu estar xuntos no momento máis importante do día en canto a alimentación se refire, foi se cabe máis especial, xa que algúns produtos que amenizaron a xornada foron realizados por eles mesmos (marmelada de laranxa e pudding) coa axuda das súas mestras, Gloria e Mariluz.

É bensabido que o almorzo ten que ser unha comida completa que nos permita adquirir a enerxía necesaria para afrontar o día a día. Os nosos rapaces e rapaces eran coñecedores disto, por iso fixeron unha selección moi estudiada dos alimentos. O almorzo-buffet do que gozaron estaba composto por:
  • Froita (plátano, mazá, laranxa e mandarinas)
  • Froitos secos (noces, améndoas e avelás)
  • Tostas de salsa de tomate natural, aceite de oliva e xamón serrano.
  • Tostas de manteiga caseira e marmelada de laranxa.
  • Pudding
  • Leite sen lactosa e auga.


Para a a elaboración das receitas (MARMELADA DE LARANXA E PUDDING) contaban cunhas cantidades de ingredientes para menos persoas das que eran, polo cal, tiveron que facer uso das súas habilidades matemáticas para calcular as cantidades segundo o número de participantes neste ALMORZO SAUDABLE NA ESCOLA.

Pero estes rapaces e rapazas, e as mestras participantes teñen en conta todo ao detalle, e aproveitando os restos da froita, tras o ALMORZABEN, fixeron BOCASHI....Que que é iso? Pois ABONO NATURAL PARA AS PLANTAS. Ollade no video que poñemos a continuación como facelo, ademais de ver todo o proceso para realizar esta maravillosa actividade.




luns, 22 de abril de 2019

ANIVERSARIOS SAUDABLES 2º: SARA, BRAIS, BREOGÁN E WILMER

Na aula de 2º os rapaces e rapazas xunto coa súa mestra Cristina, seguen a celebrar os aniversarios dunha maneira sa, divertida e atractiva.

Empregando froitas deseñaron animais traballados no seu proxecto de animais en Ciencias Naturais: ourizos e peixes.
  • PEIXES: mandarina, fresas e regalicia.
  • OURIZOS: pera, palillos con uvas e lambetadas.
Ademais prepararon un delicioso zume de laranxas e laranxa sanguina. Rapaces e rapazas organizáronse en parellas e cada unha tiña que facer un peixe e un ourizo.

Despois de "cociñar"e "tolear" comezou a súa pequena festa, compartindo bebidas e receitas froiteiras.

Cremos que foi todo un éxito polo ben que o pasaron e damos mostra delo con estas fotos dos momentos vividos.

Grazas polo voso traballo!!
PARABÉNS A SARA, BRAIS, BREO E WILMER

ALIMÉNTATE BEN!!!


domingo, 17 de febreiro de 2019

POMBAS NO DÍA DA PAZ

Se hai algo que se identifique especialmente co día da Paz son as POMBAS!

No noso cole, para festexar o día da Paz e NON Violencia, os rapaces e rapazas de 6º B coa axuda de Berta e as cociñeiras, e as súas mestras Ángeles e Naza, prepararon unhas galletas con forma de pomba e corazón para repartir paz e agarimo con todos os compañeiros e compañeiras do cole.🍪🍪🍪

Para a súa elaboración precisamos:
  1. Manteiga fría cortada en anacos.
  2. Azucre
  3. Ovo 
  4. Fariña
  5. Esencia de vainilla
En canto á preparación:
  1. Bater a manteiga e máis o azucre ata integralos.
  2. Incorporar ovo e manteiga e bater de novo.
  3. Tamizar a fariña engadíndoa o bol e bater.
  4. Engadir a esencia.
  5. Estirar a masa ata alcanzar un grosor uniforme.
  6. Refrixerar uns minutos e prequecer forno a 180º.
  7. Dar forma cos moldes e pór sobre papel de cociña en bandexas.
  8. Levar ao forno durante 1'-12 minutos ata que os bordes se doren.

Aprendemos a traballar en equipo e a compartir. Pola tarde, tras o noso baile adicado a este día especial, os rapaces e rapazas de 6º B, repartiron polas diferentes aulas bandexas de galletas para facer aínda máis doce e agarimoso o día.

Moitas grazas a Berta e cociñeiras por colaborar e prestarnos a cociña para traballar, e porque ademais fixo unhas pouquiñas galletas de corazón máis para a sala de profes. TODO UN DETALLE!!
Contribuimos dende pequenas cousas da vida a conseguir a PAZ!